Centro de Visitantes
Centro de Visitantes do Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis: a porta de entrada tecnolóxica á experiencia exterior
O novo Centro de Recepción de Visitantes do Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis forma parte do proxecto Museo Aberto 24/7 e permite descubrir e interpretar a historia, a natureza e a memoria viva do Botánico e da Carballeira.
O Centro de Visitantes sitúase na entrada do xardín, no que foi o antigo Grupo Escolar do paseo de Román López, e hoxe é o Auditorio de Caldas de Reis. As súas salas de exposición transfórmanse nun Museo Aberto que ofrece unha experiencia interpretativa e inmersiva de vangarda as 24 horas do día.

Sempre aberto
O novo Centro de Visitantes rompe as barreiras horarias tradicionais para que visitantes, peregrinos e turistas poidan gozar dunha experiencia única en calquera momento.
Pasos para acceder ao Centro de Visitantes do Botánico de Caldas de Reis:
Reserva por Internet a visita nesta ligazón: https://obotanicodecaldas.gal/gl/reservas
Recibirás un código QR no teu teléfono móbil.
Pasa o código QR pola porta de acceso do Centro de Visitantes.
Comeza a visita autoguiada, dispoñible en 3 idiomas: galego, castelán e inglés.
Unha viaxe polos sentidos
O museo cobra vida ao paso do visitante grazas ás novas tecnoloxías e a sistemas intelixentes, que se activan de forma automática. Comeza unha viaxe polos sentidos que te traslada á esencia botánica do Xardín e da Carballeira e á memoria histórica de Caldas de Reis vinculada ao termalismo.
Percorrido da visita do museo
Planta baixa:

Comezo da visita
A benvida do museo está presidida por unha réplica do Tesouro de Caldas, as orixes da vila e a súa historia. Camiña sobre un manto de follas que simboliza o patrimonio vivo do xardín e continúa o percorrido.

A auga, a razón de ser
A Sala Auguistas convida a mergullarse na Caldas do século XIX e comezos do XX. Coñecerás a evolución urbanística da vila, na que foi un gran fito o Xardín e a Carballeira; a importancia dos seus balnearios e dos seus hóspedes, os auguistas que fixeron da vila un importante centro político, cultural e económico. Destacan persoeiros como Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro ou Alfredo Brañas que habitaron os veráns de Caldas, ou a figura de Laureano Salgado, que construíu a central hidroeléctrica de Segade.

Caldas, pioneira do turismo de benestar
Elisardo Domínguez e José Salgado capturaron a esencia da vila na primeira década de 1900. As súas postais cobran vida na Sala Proxección para amosar como era a vida en pleno auxe do balneario, os paseos románticos polo Xardín Botánico ou a arquitectura elegante.

O Xardín, un lugar para aprender sobre o mundo
A Sala Escola recupera a función pedagóxica do edificio, situado na antiga escola. Esta experiencia converte a aprendizaxe botánica nun xogo de descubrimento interactivo que convida a saír ao xardín real.
Primeiro andar:

Monumentos que falan
A Sala Xardín fala dos grandes persoeiros da vila, como Francisco Alcarraz que deseñou o xardín en 1884 e o Sabio Caldas que conta cunha homenaxe no xardín. A experiencia remata cun espazo de memoria oral que conecta o pasado que vimos de descubrir coas experiencias do presente no parque.

Miles de historias anónimas
A Carballeira é a protagonista da Caldas anónima, a memoria colectiva que recollen uns paneis colocados como os carballos do exterior. Percorre a carballeira como lugar da feira, das festas de San Roque, de xantares e homenaxes políticas, dos festivais e como lugar onde as lavandeiras daban vida ás beiras do Umia.